Presentación “Bolxeviques/Bolcheviques”
Día: 6 de abril
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Colectivo Nacionalista de
Marín
O Colectivo
Nacionalista de Marín presentará en Marín o libro Bolxeviques 1917-2017,
editado en dous volumes por dúas editoriais distintas, Xerais e Através.
Este libro pretende ser a contribución
galega para a necesaria revisión do acontecemento histórico máis importante do
século XX, a Revolución Rusa; sendo unha maneira de participar desde Galiza da
reflexión sobre o impacto histórico e ideolóxico deste acontecemento.
En 2017 a
Revolución Bolxevique fai cen anos. Boa parte dos acontecementos deste
século pode interpretarse en relación ao impacto internacional deses ideais
revolucionarios e á forma como se puxeron en práctica: aliñamento de países e
guerra fría, competitividade entre o bloque socialista e o bloque capitalista,
enfrontados no campo ideolóxico mais tamén no tecnolóxico e no militar.
Paralelamente, producíase un conflito
subterráneo que rompía as fronteiras xeográficas: filosofías disidentes
introducían esa cerna ideolóxica en novas esferas do pensamento;
contraofensivas, como as políticas do benestar, controlaban o avance do
socialismo en países capitalistas; concepcións artísticas, símbolos e vangardas
sociais deseñaban un novo mundo. Todo se viu alterado.
Cen anos despois, aproveitamos para
reivindicar o legado transformador do bolxevismo e expor á luz algúns episodios
escuros, mais apartando a propaganda que desde o primeiro día se fixo para
distorsionar e ocultar a realidade da revolución.
Este libro dobre foi coordenado por
Teresa Moure, marcando unha vía de confluencia e de inspiración para a convivencia
das tradicións políticas e ortográficas de quen defende neste país a vitalidade
da nosa lingua e do ensaio escrito nesta.
No volume publicado por Xerais inclúense
os traballos de Justo Beramendi, Xosé Manuel Carril, Oriana Méndez, Víctor
Santidrián, Xoán Carlos Garrido, Julio Prada, Uxío-Breogán Diéguez, Francisco
Rodríguez, Anxo Angueira, Antón Dobao, Natalia Poncela, Xosé Manuel Outeiriño e
Rebeca Baceiredo.
No volume publicado por Através
inclúense os traballos de Maurício Castro, Margarida Corral Sánchez, Aurora
Marco, Dionísio Pereira, Eliseo Fernández, Mario Regueira, Joel R. Gômez, José
Emílio Vicente, Xosé Mexuto, Carlos F. Velasco Souto.
Para falar
deste libro estará presente a coordinadora, Teresa Moure, e un dos
participantes, José Emílio Vicente.
José Emílio
Vicente, é xornalista e profesor. Participa no libro analizando as conexións entre
o galeguismo histórico e o leninismo. Procurando unha interpretación do
relacionamento entre dúas tradicións e a forma en que os intelectuais
galeguistas adaptan o concepto de nación, diferente do estipulado nos escritos
de Lenine.
Teresa Moure, coordinadora da obra, é
escritora e profesora titular de lingüística na USC. Como escritora
cultivou e cultiva todos os xéneros: poesía, narrativa, teatro, ensaio, etc.
Ten gañado diversos premios literarios como o Lueiro Rey 2004, Premio Ramón
Piñeiro de Ensaio dúas veces, en 2004 con Outro idioma é posible (Galaxia,
2005) e no 2011 con Queer-emos un mundo novo (Galaxia, 2012).
No ano 2013 comeza a escribir a súa obra na norma ortográfica aceptada
internacionalmente para os países lusófonos, o Acordo Ortográfico. As súas
últimas publicacións nesa norma son en poesía Eu violei o lobo
feroz(Através, 2013), o ensaio Politicamente incorreta (Através,
2014) e os romances Uma mãe tão punk (Chiado, 2014) e Ostrácia(Através,
2015).

No hay comentarios:
Publicar un comentario