3 mar 2017

Presentación: “Os nenos da variola”

Presentación: “Os nenos da variola”
Día: 17 de marzo
Hora: 20h
Lugar: Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
A escritora e xornalista compostelá María Solar volve esta semana ao Ateneo Santa Cecilia de Marín para presentar o seu novo libro, “Os nenos da varíola”. Será neste ‘Venres do Ateneo’, a partir das 20:00 horas, con entrada libre. Publicada por Galaxia en galego, e dispoñible tamén en castelán e catalán nos selos Anaya e Bromera, respectivamente, trátase dunha novela baseada na historia real dos nenos da expedición Balmis que levaron no seu corpo a vacina da varíola ata América.
Ambientada a principios do século XIX no hospicio da cidade da Coruña, fala das duras condicións nas que vivían os orfos, aos que lles cambia a vida coa chegada do doutor Balmis. 22 nenos procedentes da Coruña, Santiago e Madrid formaron parte desa cadea anónima que, “brazo a brazo”, fixo posible que a recén descuberta vacina da varíola cruzase o océano ata os territorios de ultramar, no que foi unha das maiores xestas médicas na historia da Humanidade. E unha muller, Isabel Zendal, xogou un papel determinante nesa fazaña.
Esta nova obra narrativa chega despois de “As horas roubadas”, que foi a primeira incursión de María Solar na novela para adultos, logo de que a autora publicara dez libros para público infantil.
O último deles, “Teño uns pés perfectos” (Kalandraka), foi incluído na prestixiosa lista The White Ravens 2016. É o seu segundo título na selección que realiza a Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich, tras “O meu pesadelo favorito” (Galaxia), co que tamén gañou o Premio Lazarillo de creación literaria, o Premio Fervenzas Literarias e o premio ao mellor libro infantil na I Gala do Libro Galego. Ademais, recibiu o Premio Frei Martín Sarmiento en dúas ocasións por “A verdadeira historia da mosca da tele” e “Vou ter un irmán”, ambos editados por Galaxia.
María Solar traballa na Televisión de Galicia e na Radio Galega, actualmente presentando o magazine A Revista Fin de Semana da TVG. Licenciada en Xornalismo e Bioloxía, tamén é diplomada en Maxisterio e especialista en información ecolóxica e medioambiental. Como comunicadora, recibiu os premios Mestre Mateo en 2012 e 2013 destinados ao programa cultural ZigZag, do que foi presentadora; e o 2º Premio Galicia Innovación de Xornalismo de Investigación.
Na presentación de “Os nenos da varíola” participará a escritora e xornalista Elena Gallego, que será a condutora da velada literaria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario