5 abr 2018

Actos conmemorativos do 87 aniversario da II República


Actos conmemorativos do 87 aniversario da II República
Días: 13 e 14 de abril
Organiza: 
Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín
A Asociación Pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín celebrará un ano máis a proclamación da 2ª República a fin de semana do 13 e 14 de abril con dous actos.
O venres 13, o salón de actos do IES Illa de tambo, acollerá a partir das 20h a posta en escena da obra de teatro “Ai, Carmela! Elexía dunha guerra civil” da Asociación Cultural Petanaporta. Esta obra esta baseada no texto orixinal de José Sanchís e está representada por Mercedes Pardavila e Paco Pernas baixo a dirección de Diego Rey.
Nesta obra, cuxos personaxes son tratados con moita delicadeza e cariño, o autor fala de tres Españas: a dos vencedores, obvia e sempre presente, a que representa Carmela, que acaba morta ou no exilio, e a que representa Paulino, sobrevivinte que acaba asumindo o sometemento e perda dos seus ideais, disposto mesmo ao esquecemento. Nela faise un elevado acto de xustiza poética con todos os mortos, non só os da Guerra Civil Española, senón cos de todas as guerras.
PETANAPORTA é un grupo de recente creación no Concello de Marín. Os compoñentes, tras pasar por diversos estadíos de formación deciden integrarse na ATM de Pontevedra dirixida por Anxo Lourido. Durante os dous últimos anos asisten a diversos cursos na Escola Municipal de Artes Escénicas de Cangas, impartidas polas actrices Silda Alfaro e Sonia Rúa, e na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, en Vigo.
O sábado 14, a partir das 13h, terá lugar o acto central da conmemoración do 87 aniversario da proclamación da 2ª República. Será xunto á Pedra da Liberdade (ao carón do concello) e intervirán Concha González Fernández e Lorena Touriño González da Plataforma Feminista Galega en Marín. Os “Amigos da República” tocarán un par de pezas durante o acto que rematará coa tradicional ofrenda floral.


No hay comentarios:

Publicar un comentario