
Presentación: “Universos simbólicos. Olladas ao redor da cultura e da identidade galega"
Día: 6 de abril
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A
Asociación Queremos Galego Marín presentará o 6 de abril ás 20h no Museo Manuel
Torres de Marín o último libro “Universos simbólicos. Olladas ao redor da
cultura e da identidade galega” do antropólogo pontevedrés Rafael Quintía.
Este
libro é un compendio de textos cuxa temática xira en torno a diferentes
aspectos da cultura galega e, xa que logo, dos diferentes elementos
constituíntes da nosa identidade como pobo. Nas páxinas deste libro o autor
intenta achegar o lector a cuestións que teñen que ver coas ideas
máxico-relixiosas da cultura galega; percorre, entre outros, aspectos da nosa
mitoloxía, do simbolismo, das nosas crenzas máis íntimas, dos nosos medos, do
papel da lingua nunha cultura. Nas páxinas do libro tamén se intenta responder,
por exemplo, a cuestións tan tópicas como a de por que os galegos responden
cunha pregunta, sen deixar atrás temas relacionados co noso entramado social.
En definitiva, unha ampla e holística ollada a algunhas das moitas caras que
presenta a cultura galega.
Rafael Quintía é un coñecido antropólogo,
economista, escritor e músico pontevedrés que leva anos traballando no campo da
investigación e a divulgación da etnografía, historia, cultura e antropoloxía social
e cultural de Galiza.
Este antropólogo é un habitual da programación da
Asociación Queremos Galego Marín. A súa sabedoría e as numerosas obras que ten
publicadas fai que todos os cursos presente un libro ou de unha conferencia
para a asociación. Entre os seus ensaios cómpre destacar “A Nosa Señora da
Lanzada. Antropología de un santuario costero”, gañador no ano 2010 do Premio
de Investigación Luis Cuadrado; “Análise estrutural e simbólica
do mito da moura”, gañador do Premio Vicente Risco de ciencias sociais no 2015.
É autor do blogue “A sombra do Bouza Panda” onde
publica numerosos artigos etnográficos, antropolóxicos e históricos ademais de
dar conta das súas numerosas viaxes ao redor do mundo para coñecer e dar a
coñecer outras culturas.
É membro fundador e presidente da Sociedade
Antropolóxica Galega (SAGA), dentro da cal é o codirector da súa colección de
monografías e coordinador e redactor da publicación “Caderno de Campo. Boletín
informativo da Sociedade Antropolóxica Galega”. Alén destas funcións dentro de
SAGA, tamén dirixe a publicación “Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e
Historia de Galiza”, cabeceira que fundou no 2006.
Ademais de ensaios, Rafael Quintía ten
publicado un libro de poesía, “Á Sombra de Bouza Panda. Poemario de escarnio
e maldizer.”, e é director e guionista do documental “Comuneiros. Cen anos
de Vida e loita polo monte de Salcedo”, codirector e coguionista dos
documentais “Sete Camiños, encrucillada no tempo”, “Monte do Seixo, a Montaña
Máxica” e da curta “Noite de Reis cos Chichisos”, colaborando tamén na
realización do documental “Terra das Marabillas” da xornalista Ana Lois. Hai
poucas semanas estreou o que é o seu último documental “Lupa. Na procura do
mito da Raíña Loba”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario