A Asociación para a Recuperación da
Memoria Histórica de Marín pecha esta semana os actos de decembro e a extensa
programación de 2018, cunha conferencia sobre os pontevedreses deportados nos
campos de concentración nazis a cargo do investigador Xosé Álvarez Castro, a
presentación do novo libro de Fernando Salgado, o visionado da película El
silencio de Otros no cine Seixo, e o acto anual en lembranza das
persoas que loitaron pola liberdade que, como cada 31 de decembro, terá lugar
no Paseo Marítimo Alcalde Antonio Blanco.
Xoves 27: Conferencia “Pontevedreses
nos campos de concentración”, a cargo do investigador Xosé Álvarez Castro, no Museo
Municipal Manuel Torres ás 20:00 h. Álvarez Castro explica no seu último traballo que os
campos de exterminio nazis foron o destino de centos de republicanos españois
que tras o fin da guerra civil exiliáronse en Francia. Nese
inferno estiveron dous republicanos pontevedreses que, pola súa oposición ao
franquismo golpista, nin sequera foron considerados españois polos nazis
alemáns, que en lugar de coserlles no uniforme de raias azuis o triángulo vermello
dos presos políticos, identificáronos co azul investido dos apátridas, con
apenas unha S de Spaniers cosida no medio. Álvarez Castro
devólvelle así a identidade a Urbano Sanmartín, de
Mourente, e Manuel Coto, de Marcón, que morreron en Gusen
Venres 28: Presentación do libro “1.306/36”, do xornalista e escritor Fernando Salgado, acompañado do investigador e colaborador da ARMH
de Marín Celso Milleiro, no Museo Municipal Manuel Torres ás 20:00 h. Salgado recolle a vida o seu avó, Francisco Varela
Garrido (Pancho Varela), destacado activista político na Segunda República, que
foi nomeado xuíz e secretario municipal de Cerdedo trala vitoria das
candidaturas de esquerdas nas eleccións de 1931. En 1934 fora detido polo seu
respaldo á Revolución de Asturias e ao producirse o golpe de estado franquista,
é nomeado delegado gobernativo en Cerdedo, onde impide que haxa enfrontamentos.
Diante da imposibilidade de evitar a derrota, fuxe ao monte e despois ponse en
camiño ata Monleras (Salamanca), onde foi detido en setembro do 36. Estivo
preso na Illa de San Simón antes de ser fusilado, con 39 anos.
Sábado 29: Pase especial da película “El silencio de otros” no Cine Seixo ás 20:00 h. (contactar coa ARMH de Marín para anotarse). El Silencio de Otros revela a loita silenciada das vítimas do réxime franquista que continuan buscando xustiza; narra a procura das persoas desaparecidas e os intentos de facer fronte aos responsables e como despois de décadas de esquecemento a sociedade española soubo de centos de nenos roubados antes e despois da ditadura; abarca tamén as torturas, as execucións extraxudiciais, as fosas comúns e todo un proceso xudicial internacional. Documental dirixido por Almudena Carracedo e Robert Baha recentemente estreado, conta xa con numerosos recoñecementos como o premio do público ao Mellor Documental e premio Cine pola Paz no Festival de Berlín, e as nominacións a Mellor Documental nos Premios do Cine Europeo e nos Premios Goya.
Luns 31: Acto
de homenaxe e lembranza dos
veciños marinenses asasinados en decembro do 36, por defender as liberdades
fronte ao golpe franquista, que como cada ano terá lugar ao arredor das
13:00 h, no Paseo Marítimo Alcalde Antonio Blanco e no que
intervirá Xaime Toxo,
presidente do Ateneo de Pontevedra, falando da “Fidelidade da Memoria Histórica”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario