
Acto: Efecto Vidal Bolaño
Día: 17 de maio
Hora: 12H e 20H
Lugar: Biblioteca de Marín
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos
Galego Marín organiza para este venres 17 de maio dúas actividades para
celebrar o Día das Letras Galegas na nosa vila.
Presentación de “Dragal”
de Elena Gallego Abad.
A primeira das actividades
terá lugar a partir das 12 da mañán na biblioteca de Marín e consistirá nunha
presentación para @s lectores/as máis pequen@s da triloxía “Dragal” escrita pola marinense Elena Gallego
Abad. O obxectivo desta presentación é que aqueles/as d@s presentes que xa
leran a triloxía intercambien opinións e reflexións coa escritora animando así
ao resto a ler a historia do último dragón galego.
A triloxía Dragal está
formada por “Dragal I. A
herdanza do dragón”, publicado en 2010 e que xa vai pola 5ª edición
acadando o premio Frei Martín Sarmiento no 2012; “Dragal II. A metamorfose do
dragón”, publicado no 2011 e “Dragal III. A fraternidade do
dragón”, publicado no ano 2012.
A triloxía da man de
Ficción Producións converterase nun proxecto multimedia que adaptará a historia
de Elena gallego ao cinema, aos videoxogos, ao cómic, contemplando tamén a
creación dunha comunidade de fans a través das redes sociais.
Efecto Vidal Bolaño.
Lectura dramatizada colectiva.
Roberto Vidal Bolaño, a
quen se lle adican este ano o Día das Letras Galegas, é considerado coma unha figura
imprescindible para comprender a dimensión do Teatro Galego e, xa que logo, do
noso sistema literario. Desde aqueles inicios nos anos setenta,
coa mítica Xeración Abrente, ata o ano mesmo da súa morte, a produción
literaria de Vidal Bolaño é constante e sempre orientada a armar un edificio
teatral galego perdurable.
É indiscutible a
importancia da figura de RVB para o teatro nacional galego. Aínda que morreu
novo (52 anos), Vidal Bolaño é, sen dúbida, o dramaturgo máis prolixo da historia
da nosa literatura; mais non é só a cantidade da súa obra a
razón da súa importancia, senón as múltiples calidades que os seus textos
achegan durante toda a súa actividade.
A produción de Roberto
Vidal Bolaño caracterízase por un irrevogable compromiso coa lingua galega, pois estamos ante un autor
radicalmente monolingüe, que contribuíu á definitiva instalación do teatro
galego na nosa lingua. É precisamente por este compromiso coa língua e co país
polo que as institucións non están a adicar todos os esforzos necesarios na
promoción da súa figura e obra como se deberan, sendo este o ano en que se lle
adican as Letras Galegas, deixando, en calquera caso, no esquecemento as súas
obras máis reivindicativas.
A
Asociación Queremos Galego Marín recollendo a luva lanzada por Roberto Vidal
Bolaño na súa obra “Caprice de Dieux” (1985): “ata a uns actores de talento dubidoso e de oficio incauto lles
asiste, cando lles peta, o privilexio de facer o pallaso”, realizará a súa particular homenaxe ao autor
facendo unha lectura dramatizada de varios dos seus textos. Para esta lectura
contamos coa inestimábel axuda do autor, actor e director teatral Zé Paredes.
Será na Biblioteca Municipal Vidal Pazos a partir das 20h00.
No hay comentarios:
Publicar un comentario