17 dic 2013

Charla coloquio "Os últimos días da II República en Marín"

Acto: Charla coloquio "Os últimos días da II República en Marín"
Día: 20 de decembro
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: APRMHM
O venres  20 de decembro ás 20:00 horas no salón de actos de Biblioteca Pública Municipal o investigador Celso Xavier Milleiro Sánchez impartirá a conferencia "Os últimos días da II República en Marín". Esta charla é complementaria á que nos ofreceu no pasado mes de abril na que amosou o gran dinamismo social e sindical existente na nosa localidade no período comprendido entre 1930 e 1936. Este dinamismo sindical foi unha das causas de que Marín fose un dos dez primeiros concellos galegos con maior número de represaliados despois da sublevación militar de xullo do 36.
Desexamos que o laborioso traballo de investigación que nos últimos anos están realizando Celso Milleiro e Xosé Manuel Moreira e que levará o nome de "Sal e terra", saia pronto á luz e se converta no primeiro libro publicado sobre o acontecido en Marín neste período histórico.

O martes 31 de decembro ás 13:00 horas no Paseo "Alcalde Blanco Solla" de Marín terá lugar o un acto en recordo e homenaxe a un grupo de 11 marinenses executados polas forzas militares sublevadas.

Albino Agraso Santamaría, Armando Iglesias Pérez, Bernardino de la Torre Fernández, Demetrio Lorenzo Ordoñez, Santiago Ramos Ramos e o alcaldeAntonio Blanco Solla que foron fusilados o 31 de decembro de 1936 en Monte Porreiro (Pontevedra). 

Amable Soto González "Virulo", Eugenio González Veiga "Conexo", Juan Domínguez Tourón "Pirón" e Santiago García Area "Pixota" que protagonizaron o 22 de xuño de 1937 a fuxida do vapor "Avión" con porto base en Marín. Diríxense ao Mediterráneo pero a evasión fracasa cando son apresados nos arredores de Lisboa e deportados. Foron fusilados en Pontevedra o 27 de xaneiro de 1938.

Urbano Rodríguez Moledo, sindicalista, poeta e dramaturgo nado en Marín en 1902 e que foi fusilado no castelo do monte do Castro (Vigo) o dez de decembro de 1936.
Escritor en lingua galega, baixo o claro influxo do ideario estético das Irmandades da Fala. Foi, tamén, activista sindical, comprometido precozmente coas Juventudes Socialistas de Marín e, despois residindo en Vigo, durante a República, como dirixente de UGT, ademais de manter unha posición ideolóxica na que se vencellaba a dobre vertente galeguista e socialista ("marxista"). Ademais, Urbano foi un grande animador societario e cultural no concello de Lavadores, onde presidiu o Ateneo Deportivo Obreiro.

Neste acto de recordo e homenaxe intervirá Rexina Vega, escritora e profesora universitaria. É premio Sthendal e finalista do Premio Nacional de Tradución, pola obra de Georges Perec "El secuestro" No ano 2007 obtivo o XXIV Premio Xerais de Novela con "Cardume", inspirada no recordo histórico e ficcionado do seu devanceiro Urbano R. Moledo, figura silenciada durante sete décadas e que Rexina sacou das sombras do esquecemento colectivo.

O acto rematará cunha ofrenda floral.

No hay comentarios:

Publicar un comentario