4 dic 2013

Presentación "Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939)

Acto: Presentación "Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939)
Día: 13 de decembro
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: APRMHM
venres 13 de decembro, ás 20 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública Municipal de Marín (Avenida de Ourense 6), o mestre e historiador Xosé Álvarez Castro presentará o seu libro  “Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939)".
O acto está organizado pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín e Edicións Xerais de Galicia.
Xosé Álvarez participa activamente no asociacionismo cultural (Cedofeita), de recuperación da memoria histórica (Cidadanía pola VerdadeSempre con vós) e renovación pedagóxica (Nova Escola Galega).
É autor de numerosos artigos sobre historia, medio ambiente e didáctica en revistas como CedofeitaRevista Galega de Educación ou Cuadernos de Pedagogía.  Ademáis é autor do blog "Pontevedra nos anos do medo" (anosdomedo.blogspot.com) dedicado á difusión da historia da represión na comarca pontevedresa.
En 2011 a Fundación Alexandre Bóveda concedeulle o VI Premio Día da Galiza Mártir á recuperación da memoria histórica.
Resultado de varios anos de investigación, “Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939)" céntrase na represión levada a cabo na comarca de Pontevedra tras o golpe militar de xullo de 1936. O enfoque divulgativo desta obra combínase cun tratamento sistemático e global do tema, que se estrutura en tres grandes apartados: a situación político-social previa á sublevación, a trama conspiratoria coa execución do golpe, e os axentes e mecanismos da represión posterior.
O emprego de fontes documentais inéditas, así como de testemuños orais, contribúe a proporcionar un tratamento novidoso no estudo do fenómeno represivo, concedendo especial atención ao achegamento ás historias da vida das vítimas. O autor da obra salienta a necesidade de divulgar, de contar o que aconteceu, porque a investigación perde o seu sentido cando non se perfecciona coa divulgación.

Neste traballo recóllese diversa información sobre o Marín daqueles tempos. O papel do fascista alemán domiciliado en Marín, Bruno Schwieger Damboeck, o "capitán Bruno"; o bando emitido o 9 de setembro de 1936 polo alcalde imposto e delegado de Orden Público de Marín, José Alcántara Fernández; a sublevación e posterior intervención militar dos hidroavións Saviola-Marchetti S62 do "Destacamento Aeronaval de Marín" así como da "Escuela de Artillería Polígono de Tiro Naval Janer" baixo o mando de Francisco Bastarreche, etc...

No hay comentarios:

Publicar un comentario