6 jun 2014

Presentación "Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas"

Acto: Presentación "Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas"
Día:  12 de xuño
Hora: 20:30 horas
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín organiza para o vindeiro xoves, 12 de xuño, ás 20:30h a presentación da XXXI Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas na biblioteca de Marín.
A Mostra naceu no ano 1984, segundo apuntan dende a propia organización, da man dun equipo de persoas que conxugaron as súas inquedanzas socioculturais co seu gusto polas artes en xeral, e polo teatro en particular, para se lanzar á aventura de crear unha Mostra, de carácter cómico e festivo, dende a que lle ofrecer a todo o Morrazo os espectáculos teatrais máis actuais e de maior calidade do mundo.
Desde 1984, a pesar de moitos atrancos, económicos e de espazos, a Mostra foi crecendo e colleitando éxitos coa filosofía de ser un evento singular, de envergadura, anovador e cunha programación de calidade. Converteuse así ao longo destes anos nun referente indiscutible para todos os amantes do teatro en Galiza, doutros territorios do estado, Portugal e resto de Europa.
Para nos falar precisamente da historia e futuro da mostra e para nos presentar as actividades deste ano, contaremos coa presenza de María Armesto, directora artística da XXXI Mostra, e Xosé Manuel Pazos Varela, fundador de Xiria e primeiro director da Mostra.
Desde a Asociación Queremos Galego Marín entendemos o teatro como unha ferramenta máis coa que promocionar a nosa lingua e a nosa cultura. Por iso, desde o ano pasado, encetamos unha nova andaina neste campo que nos ten levado a facer lecturas dramatizadas, presentación de libros de teatro, palestras adicadas ao tema e a creación do noso propio grupo teatral da man do director e actor Zé Paredes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario