27 nov 2015

Actuación cuarteto Picuiña

Acto: Actuación cuarteto Picuiña
Día:  27 de novembro
Hora: 21h
Lugar: Local do Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O Cuarteto Tradicional Picuiña, formado por músicos do Morrazo, será o protagonista do ‘Venres do Ateneo’ que se celebrará mañá a partir das 21:00 horas. Será un encontro no que, ademais de interpretar varias pezas, os membros desta agrupación remontaranse aos comezos do século XX para explicarlle ao público como se foi artellando o son dos primeiros cuartetos formados por dúas gaitas, tambor e bombo. Tamén falarán da evolución da gaita, dende as orixes deste instrumento ata os punteiros temperados actuais.
Aos gaiteiros Félix Boullosa e Francisco Gil, e aos percusionistas Cesáreo Coya e Raúl Lago, úneos o seu respecto incondicional pola música tradicional galega. Así, Picuiña vén traballando dende hai anos a prol de difundir e manter a esencia dos cuartetos de antano, investigando e dándolle forma ao seu amplo repertorio, que abrangue partituras de toda Galicia.
Por unha parte, o grupo dedícase á divulgación da música tradicional participando en festivais e xornadas folclóricas dentro e fóra das fronteiras galegas. Ao longo da súa traxectoria suman numerosas distincións en prestixiosos certames celebrados en localidades como Pontevedra, Ponteareas, Sanxenxo, Sarria, Ames ou Vedra, entre outras.  Ademais, continúan exercitando a función natural dos cuartetos, consistente en animar as festas, romarías populares, seráns e celebracións parroquiais.
No acceso á actuación os socios do Ateneo Santa Cecilia aboan un donativo de 3 euros; 4 euros no caso dos non socios.
Previamente, ás 19h, e como continuación dos actos conmemorativos do Día de Santa Cecilia que se celebrou o pasado domingo, o multiusos da praza acollerá unha actuación da Banda de Música Infantil do Ateneo. A entrada é libre ata completar a cabida do local.

No hay comentarios:

Publicar un comentario