27 dic 2016

Homenaxe aos que defenderon a liberdade

Acto: Homenaxe aos que defenderon a liberdade
Día: 30 e 31de decembro
Hora: 20h-13h
Lugar: Marín
Organiza: Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín
Como todos os anos, nos últimos días do ano, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín organiza dous actos en lembranzas das persoas asesinadas por defenderen a liberdade fronte á represión franquista.
O primeiro dos actos, o venres 30, consistirá na proxección do documental “Camilo, o último guerrilleiro de Galicia”. A proxección será ás 20h na Biblioteca Municipal de Marín.
“Camilo, o último guerrilleiro de Galicia” que recolle o testemuño vivo de Camilo de Dios, de 84 anos e residente na actualidade en Sandiás, que se integrou na guerrilla con 15 anos e sobreviviu á fame, á miseria e ás malleiras, ás vexacións e humillacións á súa familia tras o estalido da Guerra Civil, e á incerteza durante máis de seis décadas de non saber onde xacía o corpo do seu irmán, abatido en maio de 1950.
A través da historia de Camilo, o traballo recupera a memoria da guerrilla antifranquista, dando voz a aquelas e aqueles que coma el, arriscaron todo pola xustiza e a liberdade. Este documental, preestreado a finais de outubro en Xinzo de Limia, é o traballo de Fin de Grao realizado por catro alumnos do Grao en Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña -Alba Sánchez (produtora), Juan Pirola (director de fotografía), Miguel García (guionista) e Pedro Iglesias (deseño web e gráfico)- sendo cualificado como sobresaínte polo equipo avaliador. 
Un ano e medio de traballo, 2 semanas de rodaxe e horas e horas de charla, materializados agora nesta peza de 50 minutos que os responsables presentarán presentarán este venres 30 en Marín.
O Sábado 31, no Paseo Marítimo Antonio Blanco, ás 13h será o acto central da homenaxe anual no que intervirá o pintor e poeta marinense Antón Sobral, farase a tradicional ofrenda floral e o cantautor Samu Acuña e a agrupación Os Amigos Gaiteiros tocarán unhas pezas musicais.


No hay comentarios:

Publicar un comentario