30 ene 2017

Presentación “O espello do mundo”

Acto: Presentación “O espello do mundo”
Día: 3 de febreiro
Hora: 20h
Lugar: Ateneo Santa Cecilia
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O profesor, crítico literario e escritor vigués Ramón Nicolás será o protagonista da presentación literaria que se celebrará neste ‘Venres do Ateneo’, a partir das 20:00 horas, con motivo da segunda edición do seu libro “O espello do mundo”, publicado por Xerais.
Trátase da súa primeira novela, enraizada no cenobio feminino de San Pedro de Ramirás, en Ourense; unha obra que combina trazos de novela histórica, con ingredientes da literatura de misterio, e que incorpora textos de orixe documental, algúns reais e outros ficticios.
Un dos protagonistas de “O espello do mundo” é Martiño, un profesor que recibe a encomenda de averiguar o contido duns documentos moi antigos relacionados co devir histórico dun convento de monxas. Entre as habitantes dese mosteiro destaca ‘ona’ Guiomar, abadesa de San Pedro de Ramirás, que mantén unha enigmática correspondencia con outra relixiosa dun país estranxeiro.
“O espello do mundo” presenta unha época esvaecida na historia de Galicia que, co relato de Ramón Nicolás, recobra unha nova perspectiva. No seu trasfondo histórico radican elementos ideolóxicos e espirituais vencellados a determinadas correntes relixiosas da Alemaña a través da figura de Hildegarda von Bingen, unha abadesa do sécullo XII, moi influínte na Baixa Idade Media polas súas facetas literaria, científica e mesmo mística.
Ramón Nicolás imparte clases no IES Valadares de Vigo e, dende hai máis de 20 anos exerce tamén como crítico literario. Dirixe a colección Bibliotecas das Letras Galegas na editorial Xerais, é administrador do blog ‘Caderno da crítica’ e colabora semanalmente no suplemento Fugas de La Voz de Galicia, ademais de formar parte do padroado da Fundación Celso Emilio Ferreiro. Tamén é tradutor e autor de ensaios, xunto con edicións críticas e estudos sobre autores como Manuel Luís Acuña, Manuel Lueiro Rey, Álvaro Cunqueiro, Lugrís Freire ou Celso Emilio Ferreiro. O seu último libro, “Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro” (Xerais) foi galardoado co Premio Losada Diéguez de ensaio e co premio da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega como o mellor ensaio de 2012.


No hay comentarios:

Publicar un comentario