28 jun 2017

Entrega dos Premios Lingua

Entrega dos Premios Lingua
Día: 1 de xullo
Hora: 21h
Lugar: Área Recreativa do Pornedo
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín

A Asociación Queremos Galego Marín entregará os Premios Lingua deste 2017 nun acto o vindeiro sábado 1 de xullo na área recreativa do Pornedo.
Con estes premios a asociación quere recoñecer publicamente o labor daquelas persoas e colectivos que contribúen á normalización da nosa lingua, cultura e medio así como tamén a dar a coñecer a aquelas persoas e entidades que a ignoran ou desprezan.
Como en anos anteriores foron moitos os nomes de persoas e colectivos que saíron á palestra para recibir o premio, mais finalmente as persoas que fan parte da asociación decidímonos polos seguintes:
· O Premio Lingua de Ouro na categoría individual este ano será para Rafael Quintía Pereira. Este pontevedrés, veciño da parroquia de Salcedo, é un coñecido e recoñecido antropólogo, economista, escritor e músico que traballa desde hai moitos anos no campo da investigación e a divulgación da etnografía, historia, cultura e antropoloxía social e cultural de Galiza.
Rafael Quintía tamén é un habitual da programación da Asociación Queremos Galego Marín con quen presentou o anuario “Fol de Veleno”, os seus libros, “Alicornio. O poder do corno de unicornio na mediciña tradicional galega” e “Análise estrutural e simbólica do mito da moura”, este último gañador do premio Vicente Risco de Ciencias Sociais do 2015. Tamén compartiu coa asociación a súa sabedoría sobre os ritos da morte na cultura galega.
Recibe este premio Lingua de Ouro porque ademais de valorizar e dignificar o noso patrimonio material e inmaterial, na súa vida e nos seus traballos de investigación emprega o galego como lingua vehicular.
· O Premio Lingua de Ouro na categoría de colectivo este ano será para a Asociación Monte Pituco. Este colectivo, que naceu a raíz da ameaza que supuña para o patrimonio e o medio o proxecto de instalación dun polígono industrial no monte Pornedo, é unha das asociacións que máis teñen contribuído nos últimos tempos á divulgación do patrimonio que atesoura o concello de Marín. Concédenlle pois o premio Lingua de Ouro colectivo como un merecido recoñecemento polo seu imprescindíbel labor na defensa do monte Pornedo e do seu patrimonio natural, paisaxístico e patrimonial e porque para facelo empregou o galego como lingua de traballo.
A Asociación Queremos Galego Marín parebeniza ademais a asociación Monte Pituco por conseguir nas últimas semanas unha sentenza que lle ordena á Xunta de Galiza a retirar o proxecto de polígono no monte Pornedo do seu plan de áreas industriais.
· O Premio Lingua de Trapo este ano está destinado ao concello de Marín para que repare un pouco no trato que lle dá á nosa lingua.
Neste sentido cómpre lembrar como por exemplo o proxecto Marín2020 estaba redactado só en castelán. Como o concelleiro de deportes, Antonio Traba Miñones, cada vez que presenta unha actividade deportiva nunha conferencia de prensa emprega única e exclusivamente o castelán. Como tanto na páxina web ou de Facebook do concello é normal atopar numerosas faltas de ortografía, ou como na última campaña informativa sobre a tenza de animais, nos soportes utilizados había unhas grallas ortográficas que de ser unha proba escolar merecería un suspenso.
Por todo isto, desde a Asociación Queremos Galego Marín reclamaron no pasado e seguen a reclamar no presente que desde o Concello de Marín se tomen en serio o galego e contraten un servizo de normalización lingüística que poña os piares para mellorar a situación e uso do galego en Marín.
Neste acto, no que colabora o Concello de Marín, as persoas e colectivos premiados recollerán unha figura realizada polo taller de cerámica marinense Alén das Olas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario