Presentación de “O Diario Galego”
Día: 26 de xuño
Hora: 20:30h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Almuinha
Organiza: Almuinha
A Asociación Cultural Almuinha organiza
este martes, 26 de xuño, a presentación de “O Diario Galego” o novo xornal que publicará
cinco días á semana a empresa Sermos Galiza S.A.
No acto, que comezará ás 20:30h na
biblioteca de Marín, participarán Mariola González Fernández (activista
cultural), José Antonio Pazos (mestre do colexio O Sequelo) e Xoan Colazo
(membro do Consello de Administración de Sermos Galiza).
O Diario Galego terá entre os seus
principios:
O DIARIO GALEGO defenderá os intereses
galegos e estará escrito na lingua propia de Galiza. Será un medio de
comunicación nacional, profesional e colaborativo que proporcionará información
xeral.
O DIARIO GALEGO aspira a formular
temas que se botan en falta na axenda mediática do país, como poden ser
traballo, cultura, ecoloxía, feminismos, lingua, diáspora, economía, memoria,
historia, dereitos e liberdades civís.
Caracterizarase por manter unha mirada
construtiva cara ao desenvolvemento e a transformación económica e social da
realidade galega e por contribuír a que o pobo galego conforme a súa opinión
sobre información obxectiva e contrastada.
O DIARIO GALEGO propiciará o diálogo
entre xeracións dirixíndose a un público cun pensamento e comportamento aberto,
actual e implicado pero que non ve reflectidas na prensa convencional as súas
ideas de avance social. Falará de canto lles afecta e preocupa, ou mellor,
facilitará que se expresen libremente esas galegas e galegos que procuran un
cambio de seu para Galiza.
O DIARIO GALEGO terá unha distribución
das novas arredor de catro módulos de información (país, mundo, cultura e
axenda), evitando así as seccións pechadas dos medios tradicionais. Proponse
elaborar os contidos dun modo anovador neste momento: transmitindo información
rigorosa baseada en datos e fontes fidedignas, co cal tratará de rachar co
nesgo interesado que xeralmente lle imprimen ás novas moitos mediadores e
axentes institucionais ou empresariais.
O DIARIO GALEGO distinguirá entre
opinión e información, apostará porque o lector tire as súas propias
conclusións, ofrecéndolle información verificada, contrastada e afastada da
posverdade. Ofrecerá a interacción e o diálogo, un espazo de comunicación
aberto a todo o pobo e tratando todos cantos asuntos repercutan sobre o
benestar económico, social e cultural da xente de Galiza. Somos moi conscientes
de que O DIARIO GALEGO parte coas limitacións propias de quen comeza sen apoios
de ningunha empresa de referencia ou grupo de presión, mais tamén coa convicción
de que se lograrmos que as mulleres e os homes da nosa Terra se identifiquen
con el non aforrarán esforzos para que mellore e medre.
No hay comentarios:
Publicar un comentario