13 nov 2018

II Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián

II Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián
Día: 16 e 17 de novembro
Hora: 20h
Lugar: Adega da Capeleira
Organiza: Asociación Monte Pituco
A Asociación Monte Pituco celebrará o Día Mundial do Patrimonio Cultural, que se conmemora cada 16 de novembro, cunha charla co lema “Unha loita xudicial gañada a pulso” a cargo do equipo xurídico que fixo posible as dúas sentenzas firmes e irrevocables que ordean retirar desa ubicación o polígono industrial proxectado pola Xunta e polo Concello de Marín. Esta actividade enmárcase nas “II Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián”, organizadas por este colectivo veciñal, finalizando o sábado 17 cunha andaina polo Monte Pituco para visitar a zona salvagardada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os elementos de interese natural e cultural, e os seus enclaves paisaxísticos.
Os avogados Juan Areses e Rafael Areses conversarán cos asistentes ao encontro arredor das eivas de tipo urbanístico que fixeron posible anular a inclusión do Monte Pituco no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia e retirar tamén a clasificación desta zona como solo industrial no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Marín. Tamén se abordará o destacado papel dos movementos sociais -como no caso da Plataforma en Defensa dos Praceres e de Defende o Monte Pituco, ambos representados por este gabinete legal- no rexeitamento a decisións políticas que van contra o regulamento legal.
A charla, con formato ‘barferencia’, realizarase na Adega A Capeleira, na rúa do Forno de Marín, a partir das 20:00 horas. Para o colectivo Monte Pituco -que forma parte da Rede Galega de Patrimonio Cultural- a temática destas II Xornadas remítese necesariamente á vitoria xudicial lograda por partida dobre ante o TSXG porque ambas resolucións garanten a obligatoriedade de protexer os xacementos arqueolóxicos ameazados polo parque empresarial proxectado: os conxuntos rupestres do Pornedo, os gravados e a mámoa de Sete Camiños, e os petróglifos de Pinal de Caeiro.
De feito, o ditame do TSXG recolle que o PXOM de Marín admitía a “alta ou moi alta intervisibilidade” da área afectada polo polígono industrial, a “alta exposición visual e o impacto paisaxístico”, ademais de “afeccións ambientais, paisaxísticas e ao patrimonio cultural”, polo que non se xustificaba a elección do Monte Pituco para ubicar o parque empresarial proxectado.
Precisamente, na andaina programada o sábado 17, con saída ás 10:00 horas dende a arboreda do Monte Pituco, os asistentes poderán comprobar o forte desnivel do terreo, a preocupante desatención que sofren os Bens de Interese Cultural catalogados, e o amplo alcance visual e panorámico sobre a ría de Pontevedra dende o miradoiro do Monte Pituco, ou Pornedo.

Inauguración charla: Mostra dos programas de man dos cines de Marín

Inauguración charla: Mostra dos programas de man dos cines de Marín
Día: 15 de novembro
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Club de Opinión Portocelo
O Club de Opinión Portocelo inaugurará o xoves 15 de novembro cunha charla unha exposición sobre os programas de man dos filmes que se proxectaban nos cines marinenses: Quiroga, Avenida e no de Estribela.
Esta colección cedida por Enriqueta Otero está composta por máis de cen exemplares destes programas de man, tamén coñecidos como “prospectos”, que servían para facer publicidade das proxeccións dos filmes.
Na charla inuagurativa participará o presidente do foro marinense, Ángel García Carragal e a propia Enriqueta Otero, propietarias dos programas de man, quen falarán sobre a historia dos cines de Marín e destas auténticas xoias do deseño gráfico da época.
A charla terá lugar no Museo Manuel Torres o xoves 15 de novembro a partir das 20h.

29 oct 2018

Debate: Urbanismo. Desenvolvemento do PXOM

Debate: Urbanismo. Desenvolvemento do PXOM
Día: 9 de novembro
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Club de Opinión Portocelo
O Club de Opinión Portocelo continúa co seu ciclo 'O Marín que queremos', iniciado o pasado mes de maio, e organiza una charla sobre 'Urbanismo. Desenvolvemento do PXOM' que terá lugar o próximo día 9 de novembro ás 20h no Museo Manuel Torres.
No debate intervirán o arquitecto marinense Anselmo Villanueva Peón e o urbanista Carlos Henrique Fernández Soto, presidente de “Defensa do Patromonio Cultural Galego”.
O debate será presentado e conducido polo marinense Emilio Dopazo Recamán, licenciado en Económicas.

28 oct 2018

Presentación do Colectivo Feminista Zeivas

Presentación do Colectivo Feminista Zeivas
Día: 3 de novembro
Hora: 12h
Lugar: Praza da Capirota
Organiza: Colectivo Feminista Zeivas
A Praza da Capirota, en Marín, acollerá este vindeiro sábado, 3 de novembro, a partir das 12:00 horas, a presentación pública do Colectivo Feminista Zeivas, que aspira a darlle máis visibilidade ás inquedanzas das mulleres a nivel local e comarcal, poñer en valor o papel que desempeña o sector feminino da poboación marinense no avance da vila, e dinamizar a vida social no concello a través de diversas actividades. Este primeiro encontro -con participación netamente marinense- consistirá nun recital da poeta Lara Dopazo Ruibal, xunto coas cancións do grupo MarDeAfora. En caso de chuvia, o acto celebrarase no Museo Manuel Torres.
Formado por mulleres de diversos ámbitos profesionais, trátase dun colectivo aberto á incorporación de máis mulleres sensibles coa defensa das liberdades, dos dereitos e dos intereses das mulleres a nivel social, cultural, laboral, familiar e político. En clave feminista, Zeivas apostará por favorecer a integración e a participación das mulleres na sociedade en condicións de plena igualdade.
A denuncia de calquera forma de discriminación e o apoio ás mulleres -e ás súas fillas e fillos- que sexan vítimas da violencia de xénero van estar tamén nos principios desta nova organización. As promotoras de Zeivas -que xa contan con representación no Consello Municipal da Muller- traballarán para que se impulsen medidas a prol da conciliación e do reparto equitativo das responsabilidades familiares. Ademais, colaborarán para que as mulleres teñan un papel máis activo nos eidos da cultura, da educación, do deporte e da formación.
Conferencias, obradoiros, cursos de formación e xornadas informativas, debates e campañas informativas serán algúns dos formatos que canalizarán a súa actividade. A axenda de convocatorias poderase seguir a través da páxina “Zeivas Colectivo Feminista” en Facebook e atenderanse todas as solicitudes de información no enderezo de correo electrónico zeivascolectivofeminista@gmail.com  

Presentación “A casa que me mora”

Presentación “A casa que me mora”
Día: 2 de novembro
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Almuinha
O vindeiro venres 2 de novembro a A.C. Almuinha presenta o libro de poemas "A casa que me mora", do poeta de Seixo Ángel Estévez Casal. O acto terá lugar no Museo Manuel Torres de Marín a partir das 20:30h.
Ángel Estévez Casal traballou como perito agrícola en diferentes zonas de Galiza e ao longo da súa vida foi escribindo poemas. Tras a súa xubilación recolleu aqueles escritos, que foi corrixindo e ordenando, e agora, aos seus 82 anos, publica o seu primeiro libro "A casa que me mora", con máis de 50 poemas.
No acto intervirán, amais do autor, José Antonio Pazos (mestre do colexio O Sequelo), Lara Dopazo (poeta), e proxectarase un poema do libro que foi musicado por José Iglesias.

10 oct 2018

Inauguración da exposición “Mar de Marín”


Inauguración da exposición “Mar de Marín”
Día: 16 de outubro
Hora: 19h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Club de Opinión Portocelo
O Club de Opinión Portocelo inaugura este martes 16 de outubro no Museo Manuel Torres de Marín ás 19h a exposición “Mar de Marín”.
Esta exposición que ten como protagonista principal o mar pretende reivindicar o achegamento de Marín ao mar e viceversa. É unha chamada de atención ao goberno municipal para que lle reclame á Autoridade Portuaria máis espazos abertos que permitan a vista, desde a contorna urbana, á ría.
A exposición conta cun grande número de fotografías dixitais baixadas das redes sociais, coa autorización das súas autoras e autores, do mar en Marín desde diversas localizacións.
A exposición poderá visitarse desde o día da inauguración, o día 16 de outubro, ata o 26 deste mes nos horarios habituais de apertura do Museo Manuel Torres.


8 oct 2018

Presentación “O colapso territorial en Galiza”


Presentación “O colapso territorial en Galiza”
Día: 11 de outubro
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín abre o curso 2018/2019 coa presentación do ensaio “O colapso territorial en Galiza” do xeógrafo Xosé Constenla o xoves 11 de outubro a partir das 20:30h no Museo Manuel Torres.
O “Colapso territorial en Galiza”, o ensaio co que Xosé Constenla gañou o XVII edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio no ano 2017, non é unha recompilación esmerada de vales, cantís ou cumios. Tampouco é unha colección cartográfica ou un listado de nomes de lugares. Neste ensaio a xeografía emerxe como unha ciencia social – necesaria e útil- portadora dunha ferramenta de extraordinario poder analítico: o espazo.
O obxectivo do autor é poñer o espazo en primeiro lugar na lóxica interpretativa da sociedade, ampliar esa ollada tan estendida que entende o territorio como simple escenario para analizar tres aspectos fundamentais: as agresións ao medio natural e patrimonial, a cuestión demográfica a carón do desequilibrio da distribución da poboación e, ao cabo, a cidade xunto cos procesos de urbanización.
Xosé Constenla Vega é Doutor en Xeografía pola Universidade de Compostela, é técnico especialista en Sistemas de Información Xeográfica. Foi profesor de xeografía na Universidade da Coruña, na Universidade Carlos III de Madrid e investigador no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolmento de Galiza (IDEGA). Traballou durante 8 anos como xeógrafo na Área de Urbanismo e Ordenación do Territorio de IDOM. Na actualidade é profesor da Universidade de Vigo na área de Didáctica das Ciencias Sociais e tamén na Universidade de León na área de Xeografía Humana.
Ademais de xeógrafo, Xosé Constenla tamén é un coñecido cantautor que xa ten actuado varias veces en Marín en actos organizados pola Asociación Queremos Galego Marín.

27 sept 2018

Homenaxe no Pozo da Revolta


Homenaxe no Pozo da Revolta
Día: 30 de setembro
Hora: 13h
Lugar: Pozo da Revolta
Organiza: Asociación Pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín
Como cada mes de setembro, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín organiza no Pozo da Revolta, no lugar de Bagüín (Mogor), o acto de “ lembraza das persoas que defenderon a liberdade” .
Nesta ocasión, a homenaxe centrarase nos mariñeiros marinenses que tomaron parte na defensa da República en Euskadi, en 1936. A homenaxe será o domingo 30 de setembro, ás 13:00 h. No acto intervirá Carlos Villegas, integrante da asociación, e familiares daqueles nosos veciños.
Ademais do acto anterior, a ARMH organiza tamén o venres 28 de setembro a conferencia de Celso X. Milleiro Sánchez, precisamente baixo o titulo “Mariñeiros de Marín na defensa de Euskadi, 1936”,  na Casa de Cultura de Seixo a partir das 20:30h.

Conferencia “As Confrarías Gremiais das Danzas de Marín”


Conferencia “As Confrarías Gremiais das Danzas de Marín”
Día: 28 de setembro
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Padroado de San Miguel e Ateneo Santa Cecilia
Co gallo do día de San Miguel, este venres 28 de setembro o Padroado de San Miguel e o Ateneo Santa Cecilia organizan unha conferencia ás 20h no Museo Manuel Torres sobre as danzas de San Miguel.
Nesta conferencia titulada “As Confrarías Gremiais das Danzas de Marín”, participará o mestre José Antonio Pazos Pazos, un curioso pescudador da nosa historia. Estará ademáis acompañada de Queta Molas, presidenta da ARPMHM, e polo gaiteiro do grupo Picuíña José Gil Dopazo, que interpretará algunhas pezas musicais coa gaita recuperada dos “Marañóns”.

5 sept 2018

Presentación “Onde estarán as fermosas roseiras?”


Presentación “Onde estarán as fermosas roseiras?”
Día: 14 de setembro
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Club de Opinión Portocelo
O Club de Opinión Portocelo retoma a súa actividade cunha homenaxe dentro das súas Xornadas-Reencontro coa Historia de Marín, ao poeta e compositor Manuel Cambeiro Suárez.
Na homenaxe ,que terá lugar na Biblioteca de Marín o día 14 de setembro ás 20h, será presentado o libro 'Onde estarán as fermosas roseiras?' legado do poeta, escritor e compositor Manuel Cambeiro Suárez (1920-199). A presentación estará a cargo do fillo do autor Carlos Cambeiro Alís. 
Durante o acto haberá un recital poético no que intervirán: Enriqueta Otero Molas, presidenta da APRDMH; Tesi L. Carragal, presidenta de Mulleres O Abeiro e a poetisa Manola Vázquez.
Ademais do recital, o acto tamén contará cun concerto da Coral Polifónica de A Guarda, dirixida por Rosa González Fernández que interpretará a canción “Miña Galicia” do autor do poemario.