8 abr 2013

Debate: Cara onde imos? Propostas e solucións desde Galiza para saírmos da crise


Acto: Debate "Cara onde imos? Propostas e solucións desde Galiza para saírmos da crise
Día: 19 de abril
Hora: 20H
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Colectivo Nacionalista de Marín

O Colectivo Nacionalista de Marín vai organizar un debate entre diversas forzas políticas galegas o próximo venres 19 de Abril. O título é “Cara onde imos? Propostas e solucións desde Galiza para saírmos da crise”.
Estamos ante unha situación de crise económica, institucional e da estrutura do estado español e consideramos de grande interese a posta en común de ideas para afrontarmos o futuro do noso país. Pretendemos que estas organizacións acheguen a súa visión da realidade e as súas propostas para saír da crise que está padecendo Galiza.
A situación actual non é allea á Unión Europea. É posíbel saírmos da crise continuando na UE e tendo o Euro como moeda? Os estados membros están condicionados na súa política económica, non poden decidir a súa política monetaria, e teñen que “tragar” coas medidas de contención do déficit público que impón a UE. Moito máis difícil o teñen as nacións sen estado como a nosa.
Este é un tempo en que o desemprego é unha lacra que leva ao éxodo laboral á mocidade galega. Os nosos sectores produtivos están nunha permanente agonía desde a entrada no Mercado Común (hoxe UE). A estrutura do estado, imposta nunha transición que foi un feche en falso da ditadura, non serve para solucionar os problemas nacionais de Galiza, Euskal Herria e os Països Catalans.
Galiza sofre hoxe o acoso da especulación e o espolio dos seus recursos naturais, sendo a administración autonómica a principal valedora da venta do noso país. Estamos ameazados por parque eólicos, minas a ceo aberto que van contaminar os nosos montes e os nosos ríos.
A disconformidade da sociedade con esta situación é crecente como se puxo de manifesto co movemento 15 M, coas folgas xerais convocadas recentemente e coas protestas contra as minas ou os parques eólicos. Estes feitos demostran que o pobo non está durmido, só necesita alternativas a un modelo económico que afoga os de abaixo e enriquece os de arriba. O modelo económico que leva 200 anos oprimindo @s traballadores/as, o capitalismo, cada vez máis insaciábel no seu proceso de acumulación. Un modelo colonial que priva a Galiza de capacidade política para decidir sobre o seu futuro e os seus recursos.
Participarán no debate a Anova, BNG, Causa Galiza-CCPI, Movemento pola Base, Nos-Unidade Popular e PCPG.
colectivonacionalista.wordpress.com

1 comentario:

  1. Debate coa participación de:
    Anova, Chelo Martínez (deputada de AGE no Parlamento de Galiza), BNG, Daniel Rodas (deputado do BNG no Parlamento de Galiza), Causa Galiza, Quique Fernades, Movemento pola Base, Pepe Arias, Nós – Unidade Popular, Anjo Torres Cortiço (responsábel comarcal de Nós-Unidade Popular en Pontevedra) e PCPG, Xosé Collazo (portavoz nacional)

    ResponderEliminar