3 abr 2016

Roteiro polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

Acto: Roteiro polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños
Día: 17 de abril
Hora: 10:30h
Lugar: Área recreativa do Monte Pornedo
Organiza: Almuinha
O vindeiro domingo 17 de abril ás 10:30h. a A.C. Almuinha organiza unha nova andaina no marco do proxecto que bautizaron como "Coñecendo o noso entorno". Nesta ocasión achegaranse ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, entre os concellos de Marín e Pontevedra. A saída será desde a área recreativa do Monte Pornedo (San Xulián-Marín).
Tras o Roteiro das Praias, o Roteiro do Monte Penizas e o Roteiro das Mámoas, nos que a asociación contou cunha importante participación, esta será a cuarta andaina que organiza coa intención de fomentar hábitos saudábeis e a práctica do deporte, o contacto coa natureza e o seu respecto, así como o coñecemento, a promoción e a posta en valor dos lugares de maior interese presentes no noso concello.
O roteiro conta con abundantes elementos de gran relevancia que fan que camiñar por esta zona sempre sexa un gran pracer. Na ruta atoparanse restos arqueolóxicos como petróglifos (entre outros o conxunto rupestre do Pornedo) e mámoas (a de Sete Camiños ou a do Catadoiro), así como unha fermosa contorna natural e unhas espectaculares vistas da ría. Mais tamén o roteiro achegará os participantes a algunha das lendas propias desta zona.
Nesta ocasión Almuinha contará coa participación de Lukas Santiago, arqueólogo marinense e Presidente da Comunidade de Montes de Lourizán. Foi unha das persoas impulsoras do proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, así como da posta en valor deste entorno privilexiado, e durante a andaina achegaralles aos asistentes información en relación co patrimonio desta zona, tanto no que se refire aos restos arqueolóxicos como ao patrimonio inmaterial, como por exemplo as lendas propias destes lugares.
http://acalmuinha.blogspot.com.es/

No hay comentarios:

Publicar un comentario