4 abr 2016

Concerto Mini e Mero en homenaxe a Manuel María

Acto: Concerto Mini e Mero en homenaxe a Manuel María
Día: 20 de abril
Hora: 20h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
O Día das Letras Galegas deste 2016 está adicado á figura do poeta de Outeiro de Rei Manuel María e, con tal motivo, a Asociación Queremos Galego Marín quere sumarse ás distintas homenaxes que terán lugar nestes meses por todo o país, facéndolle o seu particular tributo o 20 de abril cun concerto de “Mini e Mero”
Neste concerto que terá lugar a partir das 20h na biblioteca de Marín, o dúo formado por Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) e Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero), percorrerán a obra de Manuel María poñéndolle música a moitas das súas poesías.
 “O aradiño”, “O guerrilleiro”, “O carro”, “O cuco” ou “Santa Sabel” son algunhas das poesías de Manuel María que grupos e artistas como Fuxan os Ventos, A Quenlla, Uxía, María Manuela, Chorimas, Suso Vaamonde e os propios Mini e Mero musicaron ao longo da súas carreiras musicais e que de seguro tamén poderemos escoitar durante o concerto.
Mini e Mero, fundadores dos históricos Fuxan os Ventos e membros da Quenlla, son dous músicos chairegos coñecidos polo seu compromiso coa memoria histórica, a lingua, a cultura popular e o folclore de Galiza. Ademais da súa produción discográfica, por separado ou conxuntamente con outros grupos, cómpre salientar o seu labor de recompilación de contos, lendas, refráns, ditos ou poemas da Terra Chá. Son tamén autores de diversos libros de ciencias sociais, naturais e lingua galega para o ensino infantil e primario.
Polo seu compromiso e labor de investigación foron recoñecidos con distintos premios e galardóns como o Pedrón de Ouro no ano 2009 polo seu labor de investigación musical, o X Premio Ramón Piñeiro López- Facer País da asociación cultural Val de Láncara no 2011, e neste ano 2016 recibiron hai poucas datas recibiron tamén o Premio Mestres e Mestras da Memoria por toda unha vida de adicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional.
Manuel María, o autor homenaxeado neste Día das Letras Galegas, foi un poeta, narrador e dramaturgo recoñecido pola súa extensa obra e o seu profundo compromiso social, político e cultural con Galiza.
Entre os temas dos seus poemas destacan o amor, a arte, o propio compromiso político, a denuncia de eivas, a etnografía, a física, a historia, a inmaterialidade, a mitoloxía, o mundo animal, a palabra poética, o paso do tempo, a relixión, a sociedade, a lingua, os traballos agrarios, o urbanismo ou a xeografía.
A partir de 1968, co nacemento de Nova Canción Galega, un movemento musical de especial relevancia que fora presentado polo escritor o 1 de decembro no Cine Capitol de Compostela, Manuel María converteuse nun dos poetas máis musicados polos grupos e cantantes galegos.
Ademais de poesía, Manuel María tamén publicou diversos ensaios - sobre Bouza Brey, Celso Emilio Ferreiro, Gabriel Atesti ou Crecente Vega – libros de literatura infantil, pezas de teatro e artigos en xornais e revistas galegas como El Ideal Gallego, El Correo Gallego, El Progreso, Grial ou A Nosa Terra. A diversidade de xéneros que practicou recoñeceuse ao gañar no ano 1076 o I Concurso de guións cinematográficos de Nós, Cinematofrafía Galega.
Ao longo da súa vida, foi recoñecido con numerosos galardóns entre os que podemos salientar o premio “Celanova, casa dos poetas”, outorgado en 1990, ou o “Pedrón de Ouro”, outorgado en 1994 na Casa Museo de Rosalía de Castro.


No hay comentarios:

Publicar un comentario