27 may 2018

Fotografar a noite. Saída fotográfica nocturna


Fotografar a noite. Saída fotográfica nocturna
Día: 15 de xuño
Hora: 23h
Lugar: Área recreativa do Pornedo
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín remata as minixornadas “O outro lado da luz. A contaminación luminosa” este venres, 15 de xuño, cunha saída fotográfica nocturna ao Monte Pornedo.
O punto de encontro será ás 23h na área recreativa do Pornedo – á beira da estrada que vai de San Xián a Figueirido- aínda que para a xente que non teña coche ou non coñeza a zona, os membros da asociación quedarán ás 22:45h na caseta de turismo de Marín.
Unha vez agrupadas todas as persoas que participen, subirase ata o miradoiro do Pornedo para dende alí fotografar Marín e comprobar os efectos da contaminación luminosa que emite a nosa vila e as demais da ría. E se o ceo e a contaminación luminosa o permiten, tamén se realizarán fotografías á vía láctea.
Para participar nesta saída é preciso traer unha cámara de fotos con modo manual, un trípode, un disparador remoto, lanternas, roupa de abrigo e calzado cómodo.
Esta actividade é aberta a todas aquelas persoas que, con independencia dos seus coñecementos en fotografía e/ou astronomía, desexen participar e pasar unha boa noite observando e fotografando as estrelas.
Cómpre aclarar que non é ningún curso onde un profesional lle explicará a cada unha das persoas que participen como realizar fotografías. Trátase de que as persoas que participen compartan os seus coñecementos de fotografía e/ou astronomía cos demais e entre todas e todos observar como a contaminación luminosa nos está a privar, en maior ou menor medida, de gozar co ceo nocturno.

No hay comentarios:

Publicar un comentario