25 may 2018

Charla “A contaminación luminosa. Por que desapareceron as estrelas?”


Charla “A contaminación luminosa. Por que desapareceron as estrelas?”
Día: 8 de xuño
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín co gallo do Día Mundial do Medio que se celebrou este 5 de xuño, organiza as  xornadas  “O outro lado da luz. A contaminación luminosa” que comezan este venres 8 de xuño cunha charla no Museo Manuel Torres ás 20h.
Baixo o título “A contaminación luminosa. Por que desapareceron as estrelas?” o profesor da USC, Salvador Bará, falará da contaminación luminosa desde o punto legal e científico para tratar de concienciar as persoas que asistan dos numerosos efectos negativos na nosa saúde, na natureza e na cultura da mala e excesiva iluminación das nosas vilas e cidades.
Salvador Bará, doutor en física aplicada, é profesor titular na Facultade de Óptica e Optometría da USC e o autor do libro “E fixemos a luz” publicado na Biblioteca de Divulgación, Serie Científica da Universidade de Compostela. Entre os diversos campos de investigación nos que traballa, cómpre salientar o seu intenso traballo sobre a contaminación luminosa do que ten escrito un bo número de publicacións. É ademais o coordinador do proxecto de divulgación “Astronomía na beirarrúa”.
A segunda das actividades destas xornadas consistirá nunha saída fotográfica nocturna ao monte Pornedo e terá lugar o venres 15 de xuño. O punto de encontro será a área recreativa do Pornedo ás 23h, para desde alí subir ata o miradoiro do Pornedo para sacar fotos a Marín e outros puntos de interese da zona e comprobar os efectos da contaminación luminosa no ceo nocturno.
Para participar nesta saída é necesario traer unha cámara de fotos con modo manual, un trípode, lanternas, un disparador remoto, roupa de abrigo e calzado cómodo.
Os ceos foron e son aínda unha fonte de inspiración para toda a humanidade. Son un elemento da nosa civilización e cultura que se está a perder polo uso excesivo e irresponsábel da enerxía eléctrica no alumeado público de exteriores. Esta iluminación converte as vilas nunha antorcha de fotóns que impide a visión nocturna das estrelas desde dentro da propia vila e mesmo desde fóra delas.
O uso da electricidade para xerar luz constituiu un factor de progreso, mais o seu mal e excesivo uso converteuse nunha expresión máis da nosa sociedade irracional de consumo. Mal iluminamos monumentos, rúas, prazas, parques e mesmo praias que logo non nos permiten gozar do ceo nocturno e que ademais alteran a nosa vida e a doutros seres vivos.
A contaminación luminosa afecta a nosa saúde e benestar xa que unha variación na iluminación ambiental natural pode producir alteracións nos patróns da liberación de determinadas hormonas (melatonina, cortisol, prolactina e as hormonas do crecemento) e con iso desequilibrios orgánicos a distintos niveis. 
A contaminación luminosa tamén ten efectos comprobados sobre a fauna. Os animais evolucionaron e viven con ciclos predecíbeis de luz e escuridade e coa excesiva iluminación das nosas cidades e vilas estamos a mudarlles o guión, e isto ten consecuencias nas migracións, na reprodución, na alimentación…

No hay comentarios:

Publicar un comentario