26 jun 2019

Presentación “En las orillas del Sar”


Presentación “En las orillas del Sar”
Día: 4 de xullo
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Club de Opinión Portocelo
O Club de Opinión PORTOCELO coincidindo co mes no que se cumpre o 134 aniversario do falecemento de Rosalía de Castro organiza un acto de presentación con charla coloquio da 'nova edición crítica' da obra rosaliana 'En las orillas del Sar'.
No acto que será presentado polo presidente do foro, Angel G. Carragal, intervirá o presidente da Fundación Rosalía de Castro e experto rosaliano Anxo Angueira, baixo a premisa de que "o acto pretende dar a coñecer a reedición da obra de Rosalía silenciada cando saíu en 1909".
O ponente estará acompañado da marinense Ana Acuña, doutorada en Filoloxía Galega pola USC quen tamén achegará ao acto os seus coñecementos sobre o tema.


6 jun 2019

Charla: Ceos Galegos. A astronomía desde aquí

Charla: Ceos Galegos. A astronomía desde aquí
Día: 7 de xuño
Hora: 19:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín pecha este venres 7 de xuño a primeira edición das Xornadas da ciencia en galego cunha charla sobre astronomía e unha saída fotográfica nocturna.
A Asociación Queremos Galego Marín pon punto e final á primeira edición das Xornadas da ciencia en galego con dúas actividades relacionadas coa astronomía. A primeira delas é ás 19:30h no Museo Manuel Torres é unha charla na que o físico Dositeo Veiga presentará o proxecto “Ceos galegos” e dará unhas nocións básicas do que podemos observar no ceo nocturno durante todo o ano.
Ceos Galegos é un proxecto de divulgación e comunicación social. De ciencia, no sentido amplo da palabra, pois inclúe astronomía, xeoloxía, bioloxía… pero tamén historia, arqueoloxía, literatura. De fotografía, pois artéllase ao redor dunha imaxe fermosa do ceo, ou didáctica, ou curiosa. De cultura, porque o coñecemento científico tamén é cultura. Porque coñecer o noso contorno máis próximo permítenos comprender mellor quen somos e de onde procedemos, proxectándonos cara o futuro. Pero tamén permítenos valorar mellor os ceos doutros lugares, porque podemos aprezar as semellanzas e as diferenzas.
Dositeo Veiga é licenciado en Física pola Universidade de Santiago de Compostela. Tamén é o responsable principal do www.apodgalego.com, a tradución ao galego do Astronomical Picture Of the Day da NASA e redactor na única revista que aínda se edita en castelán con temática astronómica: AstronomíA. Socio fundador da Asociación Galega para a Comunicación e a CulturaCientífica e Tecnolóxica.
Para despois da charla, se o tempo o permite, a Asociación Queremos Galego Marín organiza unha saída á Lagoa de Castiñeiras para fotografar e contemplar o ceo nocturno e ver in situ aquilo que nos explique durante a charla Dositeo Veiga. Alén disto, esta saída tamén pretende concienciar as persoas que participen dos efectos da contaminación luminosa e como esta non nos permite gozar do ceo nocturno en todo o seu esplendor.
O punto de encontro será ás 23h na entrada da Lagoa de Castiñeiras, aínda que tamén para a xente que non teña coche ou non coñeza a zona, os membros da asociación quedarán ás 22:35h na caseta de turismo de Marín.
Unha vez agrupadas todas as persoas que participen percorreremos algúns puntos do espazo natural como a propia lagoa, a mámoa do Rei ou o miradoiro de Cotorredondo para contemplar o ceo nocturno, fotografalo e comprobar os efectos da contaminación luminosa que emiten as vilas da ría.
Para participar nesta saída é preciso, se se ten, traer unha cámara de fotos con modo manual, un trípode, un disparador remoto, lanternas, roupa de abrigo e calzado cómodo.
Esta actividade é aberta a todas aquelas persoas que, con independencia dos seus coñecementos en fotografía e/ou astronomía, desexen participar e pasar unha boa noite observando e fotografando as estrelas.
Cómpre aclarar que non é ningún curso onde un profesional lle explicará a cada unha das persoas que participen como realizar fotografías. Trátase de que as persoas que participen compartan os seus coñecementos de fotografía e/ou astronomía coas demais e reflexionen sobre o territorio que habitamos e a importancia de non agredilo.

2 may 2019

Charla: Efervesciencia. A divulgación científica en galego


Charla: Efervesciencia. A divulgación científica en galego
Día: 3 de maio
Hora: 19:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín organiza para este final de curso unhas xornadas que xirarán ao redor da ciencia en galego.
Existen determinados prexuízos lingüísticos que son alimentados de xeito explícito ou implícito por determinados sectores da sociedade galega que se instalan no imaxinario da xente e impiden investigar ou divulgar aspectos científicos na nosa lingua.
Algúns destes prexuízos son fomentados polas institucións públicas que deberan defender e promocionar a nosa lingua. Así a Xunta de Galiza no famoso decreto do plurilingüismo prohíbe dar as aulas de materias que teñen a ver coa ciencia en galego, dando lugar a casos como o dunha profesora de matemáticas da Pontenova, onde o alumnado é case 100% galegofalante, á que se lle abriu un expediente por usar o galego nas súas clases.
Para romper con estes prexuízos a Asociación Queremos Galego Marín organiza unhas pequenas xornadas que xirarán ao redor da ciencia na nosa lingua e na que se tratarán determinados aspectos como o da divulgación de distintos ámbitos científicos.
A primeira destas xornadas será o venres 3 de maio a partir das 19:30h no Museo Manuel Torres e terá como protagonista a “Efervesciencia”, o espazo de información científica da Radio Galega que dirixe Manuel Vicente.
Efervesciencia comezou a emitirse na Radio Galega no ano 2006 e está producido pola USC e financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía. Nos anos 2008 e 2009 recibiu o Premios de Xornalismo Científico Galicia Innovación da Xunta de Galiza e no 2013 o Prisma da Casa das Ciencias.

9 abr 2019

Actos de abril da APRMHM


Memoria histórica abril 2019
Día: do 11 ao 14 de abril
Organiza: Asociación para a Recuperción da Memoria Histórica de Marín
Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín, presenta o programa de actos do mes de abril. 
O vindeiro xoves día 11, ás 19:30 h. no Museo Municipal Manuel TorresÁngel Cardín presentará o seu libro “Les Temps des cerises, la vida en la prisión naval de el ferrol del caudillo 1968-69-70”, un relato-testemuño da vida na Prisión Militar de Caranza para mariñeiros do Norte de España, a finais da dictadura franquista. 
venres día 12, teremos a presentación do libro “Golpistas e verdugos do 36. Historia dun pasado incómodo”, de Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho. Será tamén no Museo Manuel Torres ás 19:30 h. e contaremos, ademais, coa presenza de Aldara Cidrás Fuentes, Conchi López Sánchez e Iria Morgade Valcárcel.  
domingo 14, ás 13:00h., terá lugar o Acto anual de homenaxe na Pedra da Liberdade, nos xardíns ao carón do edificio do Concello, con motivo do Aniversario da II República. Intervirá nesta ocasión, ademais de representantes da asociación, Aldara Cidrás e acompañaranos a música de Amigos da República. 

17 ene 2019

Presentación “Baila comigo ata o fin do amor”


Presentación “Baila comigo ata o fin do amor”
Día: 21 de febreiro
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Club de Opinión Portocelo
O Club de Opinión Portocelo inicia as súas actividades do novo ano o vindeiro día 24 xoves, no Museo M. Torres as 20.00h, coa presentación do libro ‘Baila comigo ata o findo amor’ do artista marinense Antón Sobral. O autor estará acompañado pola poeta Carmen Quinteiro e o presidente do Ateneo de Pontevedra Xaime Toxo. A modo de ‘carderno de notas’ e segundo expón Xaime Toxo “as propostas poéticas que nos ofrece Antón fluctúan como unha nube envolvente de estorniños...” A entrada é libre.

28 dic 2018

Visita do Apalpador


Visita do Apalpador
Día: 31 de decembro
Hora: 17h
Lugar: Alameda Rosalía de Castro
Organiza: Almuinha
A A.C. Almuinha, A.C.D. Gharaboto e a Asociación Marinense de Artesáns estamos a organizar a chegada do Apalpador a nosa vila, que terá lugar o domingo 30 de decembro. A partir das 17:00h. percorrerá as rúas de Marín acompañado do seu grupo de músicos (Os de Marín), achegándose á rapazada e repartindo doces. Ás 18:30h. chegará á carpa da Feira de Artesanía, que se atopa na Alameda Rosalía de Castro, onde fará entrega dos premios do IV Concurso de Debuxos "Debuxando ao Apalpador". 
Mais para aliviar a espera, onte inauguramos o posto do Apalpador na carpa da Feira de Artesanía, onde instalamos unha imaxe xigante do carboeiro para facer un Photocall, e quen o desexe poderá tirarse unha foto facendo de Apalpador, así como darse unha volta pola Feira, onde seguro atoparán cousas ben interesantes para os agasallos destas festas.
E por outra banda, organizamos o IV Concurso de debuxo "Debuxando o Apalpador", cuxas bases engadimos a continuación, e animamos aos/ás máis pequenos/as a que participen e leven os seus traballos á carpa até o día 30 de decembro ás 12. O ano pasado participaron máis de 60 nenos/as, así que este ano agardamos que sexan máis!
Bases do IV Concurso "Debuxando ao Apalpador":

1.­ Os debuxos deberán versar sobre a figura do Apalpador, e levará un lema escrito en galego.
2.­ Haberá tres categorías. Unha primeira para nenos/as entre 3 e 5 anos. A segunda para nenos/as con idades entre 6 e 8. E a terceira será para nenos/as entre 9 e 12 anos.
3.­ Para poder participar no concurso, cada neno/a deberá presentar un deseño orixinal, con calquera material ou técnica, relativo á figura do Apalpador. O deseño será presentado nunha folla de papel ou cartolina de tamaño A4.
4.­ Entregaranse 9 premios, para os tres mellores debuxos de cada categoría.
5.­ Os traballos terán que ser entregados como data tope o 30 de decembro ás 12 na Carpa da Feira de Artesanía, na Alameda Rosalía de Castro de Marín. Os debuxos serán expostos na Carpa desde o momento da entrega.
6.­ Para identificar os traballos, na parte de atrás dos debuxos deberá constar o nome e apelidos do autor, teléfono de contacto, así como a súa idade.
7.­ O xurado estará composto por 4 persoas: unha da A.C.D. O Gharaboto, outra da A.C.Almuinha, outra da Asociación de Artesáns de Marín e o propio Apalpador.
8.­ O veredicto do xurado darase a coñecer e os premios entregados polo propio Apalpador o día 30 de decembro ás 18:30h. na Carpa da Feira de Artesanía, na Alameda Rosalía de Castro de Marín.
9.­ A participación no concurso supón a autorización expresa para a difusión das imaxes.
10.­ A participación no concurso supón a aceptación de todas e cada unha das presentes bases, así como o criterio das 3 entidades organizadoras da actividade na resolución de calquera cuestión non prevista nestas bases.

27 dic 2018

Actos da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín


A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín pecha esta semana os actos de decembro e a extensa programación de 2018, cunha conferencia sobre os pontevedreses deportados nos campos de concentración nazis a cargo do investigador Xosé Álvarez Castro, a presentación do novo libro de Fernando Salgado, o visionado da película El silencio de Otros no cine Seixo, e o acto anual en lembranza das persoas que loitaron pola liberdade que, como cada 31 de decembro, terá lugar no Paseo Marítimo Alcalde Antonio Blanco.

Xoves 27: Conferencia “Pontevedreses nos campos de concentración”, a cargo do investigador Xosé Álvarez Castro, no Museo Municipal Manuel Torres ás 20:00 h. Álvarez Castro explica no seu último traballo que os campos de exterminio nazis foron o destino de centos de republicanos españois que tras o fin da guerra civil exiliáronse en Francia. Nese inferno estiveron dous republicanos pontevedreses que, pola súa oposición ao franquismo golpista, nin sequera foron considerados españois polos nazis alemáns, que en lugar de coserlles no uniforme de raias azuis o triángulo vermello dos presos políticos, identificáronos co azul investido dos apátridas, con apenas unha S de Spaniers cosida no medio. Álvarez Castro devólvelle así a identidade a Urbano Sanmartín, de Mourente, e Manuel Coto, de Marcón, que morreron en Gusen

Venres 28: Presentación do libro “1.306/36”, do xornalista e escritor Fernando Salgado, acompañado do investigador e colaborador da ARMH de Marín Celso Milleiro, no Museo Municipal Manuel Torres ás 20:00 h. Salgado recolle a vida o seu avó, Francisco Varela Garrido (Pancho Varela), destacado activista político na Segunda República, que foi nomeado xuíz e secretario municipal de Cerdedo trala vitoria das candidaturas de esquerdas nas eleccións de 1931. En 1934 fora detido polo seu respaldo á Revolución de Asturias e ao producirse o golpe de estado franquista, é nomeado delegado gobernativo en Cerdedo, onde impide que haxa enfrontamentos. Diante da imposibilidade de evitar a derrota, fuxe ao monte e despois ponse en camiño ata Monleras (Salamanca), onde foi detido en setembro do 36. Estivo preso na Illa de San Simón antes de ser fusilado, con 39 anos.


Sábado 29: Pase especial da película “El silencio de otros” no Cine Seixo ás 20:00 h. (contactar coa ARMH de Marín para anotarse). El Silencio de Otros revela a loita silenciada das vítimas do réxime franquista que continuan buscando xustiza; narra a procura das persoas desaparecidas e os intentos de facer fronte aos responsables e como despois de décadas de esquecemento a sociedade española soubo de centos de nenos roubados antes e despois da ditadura; abarca tamén as torturas, as execucións extraxudiciais, as fosas comúns e todo un proceso xudicial internacional. Documental dirixido por Almudena Carracedo e Robert Baha  recentemente estreado, conta xa con numerosos recoñecementos como o premio do público ao Mellor Documental e premio Cine pola Paz no Festival de Berlín, e as nominacións a Mellor Documental nos Premios do Cine Europeo e nos Premios Goya.

Luns 31: Acto de homenaxe e lembranza dos veciños marinenses asasinados en decembro do 36, por defender as liberdades fronte ao golpe franquista, que como cada ano terá lugar ao arredor das 13:00 h, no Paseo Marítimo Alcalde Antonio Blanco e no que intervirá Xaime Toxo, presidente do Ateneo de Pontevedra, falando da “Fidelidade da Memoria Histórica”.


18 dic 2018

Exposición Boix, fotógrafo de Mauthausen

Exposición Boix, fotógrafo de Mauthausen
do 15 ao 31 de decembro
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Para a Recuperación da Memoria Histórica
Existe un descoñecemento xeneralizado da realidade dos galegos e españois que estiveron nos campos de concentración e de exterminio nazis. Por este motivo a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín e a ARMH (Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica) organizan en colaboración co Concello de Marín e do programa Pontegal da Deputación de Pontevedra no Museo "Manuel Torres" de Marín do 15 ao 31 de decembro unha exposición sobre Francesc Boix.
Francisco Boix (Barcelona, agosto de 1920-París, xullo 1951) axudou a condenar a barbarie nazi grazas ás fotografías que sacou do campo de concentración e que serviron de proba durante os xuizos de Nuremberg. A súa vida empezou a ser coñecida grazas ao documental “Francisco Boix: un fotógrafo en el infierno” de Llorenç Soler, que descubreu a súa historia e o seu arquivo en 1974. Boix chegou ao campo o 27 de xaneiro de 1941 e ser fotógrafo e saber alemán permiteulle retratar o horror; fotografiaba todo o que lle ordenaban e tamén revelaba todas as fotografías dos oficiais das SS. Logrou rescatar os negativos e publicar as fotos, que conmocionaron ao mundo; grazas ao seu traballo e á súa testemuña foron condenados moitos responsables da masacre nazi. A súa historia está agora nos cines, coa película “El fotógrafo de Mauthausen”, estrenada o pasado mes de outubro.
Durante esa segunda quincena de decembro, e tendo como eixe a citada exposición, a ARHM de Marín organiza outras actividades que terán lugar tamén no Museo Municipal:
O martes 18, haberá unha mesa redonda sobre as deportacións, na que intervirá a investigadora María Torres e a xornalista e tamén investigadora Sara Vila, xunto con familiares de deportados. Comezará ás 20:00 h e Quodlibet porá o broche musical.
O sábado 22, ás 12:30h., poderase asistir ao visionado do documental “Mauthausen, regreso ao campo da morte”, seguido dun encontro co investigador Eladio Fernández Manso.

O xoves 27, a partir das 20:00h., o investigador pontevedrés Xosé Álvarez Castro falará de “Pontevedreses nos campos de concentración”.

23 nov 2018

Magosto

Magosto
Día: 1 de decembro
Hora: 17h
Lugar: Praza do Reloxo
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín organiza por sexto ano consecutivo un magosto no que repartirá castañas a todas as persoas que se acheguen á Praza do Reloxo – no caso de chuvia o magosto sería no multiusos da praza de abastos- o sábado, 1 de decembro, a partir das 17h.
Como en anos anteriores, ademais das castañas asadas de balde, tamén haberá música a cargo do grupo "Os de Marín" e para as máis pequenas e pequenos, e non tanto, xogos populares – a billarda, a ra, a chave, carreiras de sacos... – cos que colabora unha vez máis neste magosto a asociación Gharaboto.
Durante o magosto, no que colabora a Concellaría de Cultura, tamén se sortearán varios lotes de libros.
No marco da cultura popular, o Magosto ten un lugar fundamental, como as festas anuais en xeral pois constitúen algunhas das manifestacións máis xenuínas da nosa cultura coas que se poden abordar aspectos sociais, económicos, psicolóxicos, musicais...xa que nelas están presentes as crenzas e o sobrenatural, a vida comunitaria, a organización social, os produtos agrarios, as estacións.
Alén de contribuír á vixencia desta tradición, un dos obxectivos da asociación é que as novas xeracións se interesen pola cultura tradicional do noso pobo, moi vinculada coa lingua, que valoren e respecten o patrimonio natural, cultural, lingüístico, artístisco, histórico e social, concienciándose da súa importancia e da necesaria implicación na súa conservación e mellora.
Neste sentido o Magosto, que estivo moitos anos en crise, e as actividades complementares que se propoñen ao redor del, proporciónannos a oportunidade de compartirmos un tempo de lecer con persoas de distintas idades e procedencias ao redor dun produto tan noso como a castaña.

Cómpre resaltar tamén que con esta tradición a cidadanía toma conciencia da importancia dunha árbore, como o castiñeiro, que ao longo da historia tivo un papel destacado na alimentación de amplas zonas do planeta. E que, a pesar de que coa chegada dos cultivos americanos as masas de castiñeiros e a importancia da castaña fosen desprazados, segue a existir unha economía ao redor da castaña que, ademais de manter centos de postos de emprego, fixa poboación no rural galego.

Conferencia: “O voto feminino: A súa influencia no avance da sociedade española”

Conferencia: “O voto feminino: A súa influencia no avance da sociedade española”
Día: 29 de novembro
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Club de Opinión Portocelo
O Club de Opinion PORTOCELO conmemora o '85 Aniversario do Voto Feminino en España' cunha conferencia que baixo o título de "O voto feminino: A súa influencia no avance da sociedade española", terá lugar o xoves día 29 no Museo M. Torres a cargo da psicopedagoga e doutorada en Comunicación, Laura López Atrio.
A conferencia será presentada pola directora do Centro de Información a Muller, Marián Sánchez Sanjorge.
Con este acto preténdese destacar a importancia que supuso para España o exercicio por primeira vez do dereito ao voto á muller nunhas eleccións xerais. Acontecemento histórico que tivo lugar o 19 de novembro de 1933. Eran os segundos comicios que se celebraban durante a II República.